Friday 17 de May de 2024

Mila Castro ‘agradécelle’ a Sanmartín o “recoñecemento ao traballo feito” durante o goberno socialista “atribuíndose os proxectos herdados”


Castro, que fora a responsable das áreas de Parques e Xardíns, lembroulle ao bipartito que a remodelación do parque da Alameda estaba “xa contratada e coas obras preparadas para iniciar” antes de rematar o pasado mandato.

Ante o comezo das obras de remodelación do parque da Alameda, a concelleira do partido socialista, Mila Castro, que ocupara as áreas de Parques e Xardíns durante o pasado mandato, recordoulle ao bipartito que esta é unha “das moitas actuacións que quedaron preparadas para iniciarse durante os próximos meses”.

Tirando de retranca, Castro asegurou “alegrarse” de que Goretti Sanmartín “recoñeza o traballo feito durante os catro anos anteriores” atribuíndose actuacións que “eran demandas históricas que nós desbloqueamos e deixamos preparadas tal e como nos comprometéramos”: “esas son as débedas do goberno socialista, recuperar espazos atendendo ás demandas dos veciños e veciños. Pactámolas nós, así que igual o goberno transformador segue sendo o de Sánchez Bugallo”.

Ademais da remodelación da Alameda, outros tres espazos de ocio que son o parque da Almáciga, o do Avío e o espazo interxeracional de Sar quedaron xa contratados pendentes de inicio das obras. Tamén a remodelación da Praza de León (Pontepedriña), e outros dous parques en Vista Alegre e en Berdía forman parte da “herdanza” do PSdeG.

“A alcaldesa, á que tanto lle gusta falar da herdanza recibida, debeu esquecerse estes días de recordar que iso do Goberno Transformador é en realidade un goberno de proxectos herdados” criticou Mila Castro que reivindicou o seu traballo á fronte do departamento de Parques desde o que “impulsamos obras que eran demandas históricas coas que nos comprometemos para dotar de servizos zonas familiares como Sar e a Almáciga”.